Bolsas de Creación Artística no Estranxeiro Gas Natural Fenosa – 13ª edición

[Versión en español]

CONVOCATORIA PECHADA

1. Obxecto e finalidade

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) convoca, dentro do marco establecido polo seu Plan de Cooperación Cultural e Internacionalización nos apartados referidos a 1) Formación e Fortalecemento do Sector Cultural e 2) Mobilidade Internacional de Profesionais do Sector Cultural, un proceso de selección para cubrir un total de 3 bolsas de creación artística no estranxeiro para artistas novos nados ou residentes en Galicia.
Estas bolsas teñen por obxecto sufragar os custos de desenvolvemento e produción dun proxecto no estranxeiro por un período máximo de tres meses.

2. Prazo de execución

Cada unha das tres bolsas terá unha duración de tres meses entre o 1 de xuño e o 31 de decembro de 2016. A estancia no estranxeiro deberá desenvolverse ininterrompidamente.
Os proxectos producidos polos tres beneficiarios deste programa durante a súa estancia no estranxeiro serán expostos conxuntamente no MAC na primavera de 2017.

3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas becas todos aqueles artistas nados ou residentes en Galicia que a data de 31 de decembro de 2015 non cumpran os 40 anos.
Os solicitantes deberán ter formación e/ou traxectoria profesional acreditada no ámbito artístico.
Poderá presentarse un máximo dunha solicitude e proxecto por titular e convocatoria. Os solicitantes non poderán obter a condición de beneficiarios destas becas en máis dunha convocatoria do programa. As únicas limitacións a estas condicións son as impostas pola legalidade vixente.

4. Presentación de solicitudes e notificación de concesións

As solicitudes poderán presentarse ata as 14:00h (GTM 1) do luns 1 de febreiro de 2016. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes non se aceptará ningunha candidatura.
A presentación de solicitudes realizarase a través deste formulario de solicitude online.
As consultas relacionadas con este procedemento serán atendidas a través do correo electrónico becas@artistasmac.com.

5. Procedemento de selección e criterios de valoración

As solicitudes recibidas no prazo fixado serán valoradas por un Xurado integrado por profesionais da arte, cuxo nome non se fará público ata a publicación dos resultados da convocatoria.
Serán declarados beneficiarios da beca aqueles solicitantes que obteñan maior puntuación conforme aos seguintes criterios de valoración: a) a orixinalidade e/ou o carácter innovador do proxecto artístico e desenvolvemento expositivo (40%); b) a adecuación do proxecto aos recursos facilitados e destino en que se desenvolverá (30%); c) o currículum vítae ou traxectoria do solicitante (30%).
Na primeira quincena de marzo de 2016 comunicarase por escrito a cada un dos solicitantes o resultado da selección. O fallo do Xurado farase público na web do museo e os beneficiarios serán contactados directamente para formalizar a aceptación da beca.
A selección do Xurado será inapelable e a él corresponderá resolver calquera circunstancia non prevista nestas bases. O Xurado poderá declarar deserta a convocatoria.

6. Dotación económica

Cada unha das becas estará dotada cun total de 16.000€ -cantidade suxeita á retención fiscal vixente-, cuxa distribución por conceptos será a seguinte:
Tres mensualidades brutas de 2.000€ (total de 6.000€) en concepto de honorarios, coincidindo con cada un dos tres meses de duración da estancia no estranxeiro.
Axuda de viaxe de 500€ que se transferirá trala aceptación da beca por parte do beneficiario e antes do inicio da estancia.
E 9.500€ en concepto de produción e transporte de obra, así como da produción da exposición. Os pagos correspondentes a esta partida serán realizados exclusivamente polo MAC seguindo as indicacións dos artistas bolseiros, a condición de que se respecten os gastos presupostados no proxecto presentado ou as modificacións do mesmo sexan aprobadas pola Dirección do MAC.
Os pagos mensuais e a axuda de viaxe realizaranse mediante transferencia á conta bancaria de cada un dos beneficiarios, previa presentación de factura e aplicando as retencións fiscais vixentes.

7. Obrigacións dos beneficiarios

Os beneficiarios comprométense a desenvolver o seu proxecto nos prazos previstos no calendario de traballo e aténdose ao orzamento presentado nas súas respectivas solicitudes. Calquera modificación do plan de traballo ou do orzamento de produción do proxecto deberá ser comunicado previamente ao MAC para a súa aprobación no caso de que a mesma resulte procedente.
Esíxese dos beneficiarios dedicación exclusiva ao proxecto durante a percepción da beca ao longo da súa estancia no estranxeiro, que si poderá ser compatibilizada coa asistencia a cursos de formación no lugar de estancia. O incumprimento desta obrigación dará lugar á suspensión inmediata da beca.
Os beneficiarios deberán estar dispoñibles para colaborar na montaxe da exposición conxunta que organizará o MAC na Coruña na primavera de 2017.
Cada un dos beneficiarios doará á Colección do MAC una das obras realizadas para o proxecto bolseiro. A selección de devandita obra será realizada pola Dirección do museo e/ou o Comité Asesor da Colección.
Os beneficiarios mencionarán en todo o material de difusión relacionado co proxecto que este foi realizado no marco do programa de Becas de Creación Artística no Estranxeiro incluíndo a seguinte lenda: “Proxecto realizado co apoio do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)”.
Os beneficiarios autorizan que se cite o seu nome, así como a reprodución gráfica da súa obra para calquera tipo de difusión ou publicación que o MAC considere oportuno facer en relación co programa de Becas de Creación Artística no Estranxeiro e/ou o resto da súa actividade.

8. Compromisos do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

O MAC comprométese ao pago do importe da beca segundo as condicións e prazos estipulados no punto 6 destas bases.
O MAC comprométese a organizar na súa sé da Coruña unha exposición colectiva que reunirá os proxectos realizados durante a súa estancia no estranxeiro polos tres artistas bolseiros nesta convocatoria, asumindo os gastos de instalación, montaxe e difusión da mesma.
O MAC asumirá o custo de publicación e distribución do catálogo da exposición colectiva dos tres artistas bolseiros.
O MAC contribuirá ao desenvolvemento óptimo dos proxectos dos beneficiarios poñendo a disposición dos mesmos canta información e recursos lle sexa posible dentro das súas limitacións orzamentarias e de persoal.

9. Incumprimento e outras consideracións

O incumprimento do establecido nestas bases podería supoñer a interrupción da beca e do pago da axuda económica mensual, así como o reintegro íntegro da axuda e os gastos de produción nos que se houbese incorrido, se o Xurado consideráseo pertinente.
A organización resérvase o dereito a facer modificacións ou tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que supoñan melloras que afecten directamente ao éxito do proxecto. A interpretación das bases dependerá exclusivamente dos membros do Xurado e/ou da Dirección do MAC.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Email to someoneShare on FacebookTweet about this on Twitter
  1.  

    |